





Levamos máis de dez anos percorrendo os pobos nun carromato cargado de instrumentos e marionetas que bailan, dando vida a un espectáculo versátil, nun formato distinto e orixinal, ao mesmo tempo que lúdico e didáctico, pensado para o disfrute de toda a familia, onde descubriredes as marabillosas historias dos seus personaxes. Queres ser Monifata ou Monifate por un día?
Acompañádenos nesta aventura.
Avante Monifates!!
A nosa historia
Os Monifates somos Alberto Millán Betanzos e Xosé Piñeiro Pérez, un dúo cunha ampla experiencia musical e de lutería que nos xuntamos no ano 2013 para deseñar un proxecto en común no que tivesen cabida parte das nosas inquedanzas artísticas e tradicionais, relacionadas coa música, o baile, os monicreques e a cultura galega en xeral.
Para elo estivemos durante dous anos investigando e recompilando información sobre os chamados monicreques danzantes, e despois de estudar o que se conserva desta arte e de facer múltiples probas, comezamos a construílos, adaptándoos á nosa tradición cultural e incluso creando algúns con mecanismos propios, para así tratar de recuperalos.
Foi no ano 2015 cando conseguimos darlle forma e vida a Os Monifates, e dende aquela imos repartindo alegría e facendo bailar as nosas marionetas ó mesmo tempo que interpretamos música en directo.
Historia dos monicreques danzantes
Os monicreques danzantes chamados BAVASTEIS, dos que existían diversas variantes, non era estraño atopalos ao longo do percorrido do Camiño de Santiago, onde trovadores, xograres, músicos ambulentes e cegos acompañándose de gran variedade de instrumentos e nalgúns casos deste tipo de monicreques, pedían esmola para poder así completar a súa ruta.
Esta clase de marionetas entraron na Península Ibérica no século XII, polo intercambio cultural entre os xograres franceses e os da península, como se acredita nas cantigas de Santa María de Afonso X o Sabio e os cancioneiros galaicoportugueses, sendo durante séculos, xunto coas marionetas de guante ou cachiporra, unha das máis utilizadas. Pero na segunda metade do século XIX, a arte dos músicos ambulantes facendo bailar os seus monicreques foi desaparecendo.
Por iso nós decidimos ir co noso carromato musical rendendo unha homenaxe a todos estes músicos ambulantes, os cales nos inspiraron para crear o que hoxe son Os Monifates e o noso espectáculo, para así poder seguir un pouco máis con esta tradición secular que forma parte do noso patrimonio cultural inmaterial.
Litografía francesa do s. XIX
