O obxectivo principal deste espectáculo, ademais da recuperación dos chamados monicreques danzantes, é darlle un enfoque didáctico co que poder mostrar a rica e variada música e a instrumentación tradicional que se conservan na cultura galega, mesturadas co baile e as historias dos nosos personaxes.

O eixe central, aparte dos nosos bailaríns (monicreques), está formado por gaita tradicional, bombo e zanfona, intercalando entre as melodías outros artiluxios coma o pínfano, a frauta de tres furados, a gaita tumbal do século XIX, a gaita dupla e diversa instrumentación de percusión coma culleres, castañolas de peito, táboa de lavar, tamboril, etc.

Aínda que só se vexan dous músicos, créase unha gran amplitude, grazas á variedade de instrumentación mesturada cas nosas marionetas.

É un espectáculo ideado para un público familiar, que producirá o desfrute dende os máis cativos ata os avós.